O noso socio Simone Saibene estrea a súa nova curta na cidade do Dalai Lama
Galicia, 17 October 2014
Kuti Khanti, o último traballo do director e crítico de cine afincado en Ourense, Simone Saibene estrearase na 10ª edición do Internacional Free Spirit Film Festival en McLeod Ganj. Na cidade, situada ao norte da India, encóntrase o Goberno tibetano no exilio, a residencia do Dalai Lama. Coñecida como o “pequeno Lhasa”, en referencia á capital tibetana, en McLeod Ganj concéntranse a maior parte dos refuxiados Tibetanos. O Festival estreará unha selección de traballos audiovisuais provenientes de todo o mundo e a película de Saibene será a única española que entre a concurso.
Kuti Khanti é unha curtametraxe sen diálogos, que reflexiona sobre unha frase do escritor e dramaturgo Anton Chekhov: Talvez o noso universo se encontra no dente dalgún xigante. Está gravado enteiramente no cráter do volcán activo da illa de Nysiros en Grecia. A música orixinal, composta polo artista Paolo Apollo Negri, mestura sons electrónicos e gravacións tomadas no espazo pola sonda Voyager. “Despois da longametraxe 9 ondas, necesitaba dedicarme a un proxecto en solitario”, admite Saibene. “Aproveitei da miña viaxe de voda, este verán, para gravar e logo montar esta pequena peza visual. É unha película de planos xerais e algún detalle, onde as persoas se moven como formigas nun universo desolador buscando, quizais, algún sentido á súa propia existencia mirando dentro duns buratos negros”. A película proxectarase no Festival a finais de outubro.
Mentres tanto, 9 ondas, gravada enteiramente en Ourense e Pontevedra, segue o seu camiño de distribución despois dun ano da súa estrea. A próxima cita será no Teatro Principal de Pontevedra o próximo 5 de novembro.
In Galician language.